Entre os obxectivos do Plan de Formación de Turismo de Galicia 2022, está o facilitarlle ás empresas do sector turístico ferramentas e coñecementos que lle permitan combater ou incluso saír reforzadas da crise provocada pola COVID-19 e a crise enerxética.
Por ese motivo se pon en marcha o Programa de Macro-Tendencias e Sustentabilidade, no que a través dunha formación práctica estruturada en 7 cursos prácticos independentes de 3 horas de duración , as empresas poderán adquirir coñecementos e traballar con casos prácticos en materia de sustentabilidade, interiorísimo ou eficiencia enerxética, e quedarán capacitadas para tomar decisións informadas que lle permitan adaptarse ás demandas dos clientes do presente e do futuro.
Neste curso práctico de macro-tendencias Internacionais e sustentabilidade na Industria Turística, expoñeranse as conclusións clave de tres macro investigacións realizadas nos sub-sectores de:
· Restauración
· Aloxamento
· Eventos: Vodas e Eventos Musicais
Para cada investigación macro realizouse un estudo da Oferta (produción) a Demanda (consumo), as tendencias en consumo, os perfís do consumidor, as previsións de cada sub-sector e o impacto da crise da COVID e recuperación.
Investigación de Tendencias
Analizarase a orixe e as consecuencias das tres macro-tendencias que están impactando no sector Turismo: dixitalización, sustentabilidade e vida saudable. Do mesmo xeito que nas investigacións Macro, explicaremos o impacto de cada unha delas nos sub sectores de Restauración, Aloxamento e Eventos.
Presentaranse as tendencias a través dun varrido internacional de exemplos reais de negocios de éxito punteiros en atender aos diferentes tipos de consumidores. Son estes os que crean e consomen estas macro- tendencias.
Analizaranse as particularidades de cada sub-sector e os distintos perfís de consumidor que co-existen nos mesmos.
DATA: Martes, 11 de outubro de 10 a 13 h.
LUGAR: Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). A Barcia s/n. Santiago de Compostela
Nº PRAZAS: 20
RELATOR: Javier Corrochano
Socio Director de estratexia e organización na consultora Iuni strategic marketers, compaxina a súa labor como CEO da consultora turística spoom · cooking hospitality. Javier leva máis de 20 anos axudando a empresas a lograr os seus obxectivos, facéndolles reflexionar e pensar sempre no cliente como centro do seu negocio.
Experto en dirección xeral e planificación estratéxica, conta cun perfil moi enfocado cara á investigación de mercado e o xogo da comercialización e o márketing.
Conta con experiencia de dirección comercial e dirección xeral nos sectores servizos, industrial, turismo e retail. Liderou operacións de expansión empresarial así como operacións internacionais import- export en Europa, Asia e América.
DESTINATARIOS
Emprendedores turísticos, directivos, xefes de equipo ou departamento de empresas turísticas e hostaleiras, empresas de eventos, propietarios, profesores e consultores en turismo e hostalería
